Arquivos da etiqueta: Nacho Taibo

Acto conmemorativo do 25 aniversario do instituto (Semana 25 do Neira)

Acto conmemorativo do 25 aniversario do institutoO luns tivo lugar no salón de actos a celebración dos nosos 25 anos.

Interviron no acto Agustín Fernández Gago (director do instituto), Xoan Ignacio Taibo Arias (escritor recentemente xubilado como profesor do centro), Indalecio Cabana Leira (xefe territorial da Consellería de Educación), Fernando Gonzalez Laxe (presidente da Xunta de Galicia cando se inaugurou o instituto), Ángel García Seoane (alcalde de Oleiros) e Xosé Neira Vilas.

Estiveron presentes unha representación da inspección educativa, do concello de Oleiros, da asociación de nais e pais de alumnos, da parroquia de Sta Leocadia e doutros institutos de Oleiros xunto a antigos profesores e persoal non docente así como unha representación do profesorado, persoal non docente e alumnado actual.

Neira Vilas preside a entrada ao instituto

Neira Vilas preside a entrada ao instituto
Contemplado o mural

Ao celebrarse o 25 aniversario do instituto era preciso deixar constancia nun lugar emblemático do recoñecemnto á persoa que lle da nome. Pensouse que a mellor forma sería por medio dun mural ubicado na entrada principal do centro que fixera referencia á figura de Xosé Neira Vilas, ao seu libro senlleiro “Memorias dun neno labrego”, ao seu espazo vital no concello de Vila de Cruces e ás súas palabras. O mural foi deseñado por Senén Olano e inaugurado ao inicio da Semana 25 do Neira.

Graduación do alumnado de 2º de Bacherelato

Orla. 2º BACH 2012-2013
Orla. 2º BACH 2012-2013

Unha nova promoción de 2º de Bacharelato rematou a súa formación neste nivel formativo e para eles organizouse o día 24 de maio o acto de graduación.

Abriu a celebración, que tivo lugar no salón de actos, o director Agustín Fernández cunhas palabras para sinalar a importancia do momento para os seus protagonistas e para o instituto. A continuación houbo un momento musical da man de Manuel Bode que dou paso ás intervencións das súas compañeiras e compañeiro de promoción Camila Bargados, Lucía Rodríguez e Martín Mejuto. Seguidamente tomaron a palabra X. Ignacio Taibo (en representación do profesorado), Pilar Ríos (en representación das familias) e Sandra Fernández (en representación do Concello).

O acto proseguiu coa entrega de diplomas de mediación a aqueles membros desta promoción que formaron parte do Equipo de Mediación e Convivencia, do diploma Club Los Leones de Oleiros cunha beca de cincocentos euros e das orlas a todos os membros da promoción. Os diplomas de mediación foron entregados por Jesús Fdez Llaneza. O diploma Club Los Leones foi entregado a María Ramil por Ricardo Gómez, en representación de dito club. As orlas foron entregadas por Elvira Sanz, Eduardo Álvarez e X. Ignacio Taibo.

Como remate do acto proxectouse unha montaxe audiovisual alaborada polo profesor Xosé Antón García que recolle a traxectoria desta promoción desde que chegaron ao noso centro. A celebración continuou coa plantación dunha laranxeira conmemorativa previa a un pequeno ágape e unha cea de confraternización.

Roteiro Cultural e Literario

Roteiro Cultural e Literario
Roteiro Cultural e Literario

O alumnado de 1º de Bacherelato participou o día 3 de maio nun roteiro organizado polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores de Oleiros.

Este percorrido por distintos lugares do municipio achegou aos participantes a diferentes mulleres e homes ilustres que viviron no noso municipio. Comezou en Santa Cruz con Syra Alonso e Francisco Miguel, para ir logo ao Pazo de Lóngora con Fanny Garrido e Marcial del Adalid, para pechar en Oleiros onde veraneou Francisca Herrera.

Esta actividade permitiu aos participantes coñocer mellor o contorno no que viven e a importancia que tiveron homes e mulleres que viviron nel.

Entrega de premios do concurso de microrrelatos de amor

Entrega de premios do concurso de microrrelatos de amor
Entrega de premios do concurso de microrrelatos de amor

O xoves 21 de Febreiro foron entregados os galardóns a: Elaine Silvestre Macena de 3º de ESO pola obra en galego “Sempre contigo” , Andrea Docampo Sánchez de 4º de ESO pola obra en francés: “L`amour est beau” e a Oriana Morín Ampueda de 3º de ESO por a obra en Español “Somos” . Os premios foron entregados polos profesores encargados da Biblioteca, Fernado Vidal e Isabel López Mariño e polos catedráticos de Galego, Francés e Castelán.

Convocatoria do Concurso

Graduación 2º BACH. CURSO 2010-2011

Orla Promoción 2010-2011
Orla Promoción 2010-2011

O venres 27 de maio tivo lugar no centro educativo o acto de graduación da promoción de 2º Bacharelato 2010-11, ao que asistiron alumnado, pais e representantes da comunidade educativa, así como a concelleira de Cultura do concello de Oleiros. A xornada -presidida polo director José López Couce- desenvolveuse nun ambiente festivo, cos discursos por parte do alumnado (Elba Tenreiro), das nais e pais (Consuelo Rama) e do profesorado (Nacho Taibo), o habitual plantamento da árbore conmemorativa (neste caso un acivro) -acompañado da interpretación do “Gaudeamus Igitur” ao saxofón polo alumno Adrián Freire, de 1º Bacharelato-, a entrega da orla -realizada pola benquerida ex-profesora do centro educativo Isabel Aller- e un pequeno refrixerio preparado polos responsables da cafetería do centro educativo-. A xeira concluíu cunha cea de confraternización entre profesorado e alumnado no Hotel Hesperia de A Coruña.

 

Verníada

Todos no escenario Festa en Mera. O 16 de maio de 2009 culmina o noso “ano Verne”, o ano académico da multiculturalidade e a viaxe sen fin. No escenario do auditorio García Márquez rendemos homenaxe ao escritor de Nantes que en 1873 publicou “A volta ao mundo en 80 días”. E facémolo rodeados de alumnas e alumnos, profesoras e profesores, nais e pais, familiares que desexan pasear polo mundo ao son da música e da palabra, participando nun espectáculo literario-musical que se adiantou no entroido e que agora cobra forma para a posteridade.

A nosa “Verníada” viña precedida da lectura dun libro sen par -Matías recomendóunolo, fíxonolo amar-, dun ensaio xeral en entroido -no que Marián e Jesús xa escolleran as pezas musicais que ían dar forma a esta representación-, dunha proxección dos mellores intres da versión cinematográfica, datada en 1956 -Nacho fixo a selección-, dunha conferencia na I Semana Intercultural, dunha entusiasta participación de profesorado no traballo interdisciplinar da obra -Isabel Aller, José Antonio Rodríguez, Antón, Isabel, Goretti, Warinca, Carlos-. Só quedaba que máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Neira Vilas subisen ao escenario de Mera para poñer en práctica un traballo do que nos sentimos orgullosos.

E así foi. Durante oitenta minutos viaxamos por todo o mundo igual que Fogg o fixera en oitenta días. Miriam, absolutamente insuperable, presentou o espectáculo, introducíunos no argumento. E foron pasando lectores en diversos idiomas; Uxía, Sergio, Constance, Alberto, Bárbara, Dong, Sara, Joana, Bruno, André Luis e Vladimir foron ubicándonos nas paisaxes: Londres, Suez, Adén, Bombai, Hong-Kong, Yokohama, San Francisco, Oakland, Nova Iorque, a costa de Irlanda… Léronnos en francés, inglés, castelán, galego, portugués, chinés, xaponés, ruso. Puxéronnos ante a evidencia de que somos un centro educativo plural, e que nesa pluralidade nos gusta vernos reflectidos.

Quedan na retina as imaxes do alumnado disfrazado para axustarse estrictamente á representación: Héctor estaba glorioso co seu kilt escocés como se dun inmigrante de tal guisa en Nova Iorque se tratase; outros eran xudeus en Suez, vaqueiros no oeste, Alejo levaba un poncho sudamericano espectacular, Amanda era unha india do oeste moi ben caracterizada, había xoves galegas disfrazadas de orientais chinesas dun xeito excelente, Dong deunos un recital vocal cando pasamos por Hong-Kong.

Grazas a todas e todos. Podedes sentir contentos. Fixéstesnos amar a literatura, a música, a oratoria, o teatro, o espectáculo. Demostrastes que ler é gozar, que aprender non está en contra de disfrutar, que cando todos arrimamos o ombreiro as cousas merecen ser repetidas. Así que isto ten que ter continuidade. Porque o talento non debe quedar descansando na casa, hai que facelo público.

Semana Intercultural

Tríptico informativoEra marzo, amencendo abril. Tempo de aprendizaxe e lecer, tempo de recepción e exposición. Mentres unha exposición sobre a muller innovadora na ciencia se exhibía no corredor inferior, mentres alumnado de diversos cursos participaban nun intercambio cun centro bretón, alumnado e profesorado do IES Neira Vilas debullaba e asimilaba os variados coñecementos e visitas que no centro se teceron na Semana Intercultural 2009.

Do 30 de marzo ao 3 de abril tiveron lugar toda unha serie de actividades que integraron letras e ciencias, que nos acompañaron nun paseo pola cultura e o entretenemento. Falouse de trasplantes, da loita da muller polos seus dereitos, de aforro enerxético, de experiencias científicas, da meteoroloxía nas obras de Verne, do surf, do decrecemento, da astronomía, de Darwin… Comemos sopas de diversos lugares do mundo, tan variados como a procedencia do noso alumnado, percorremos boa parte dese mundo na proxección clásica de “A volta ao mundo en oitenta días” (1956), aprendemos da nosa contorna con saídas para concienciarnos sobre a necesidade de reciclar. Todo un rebumbio cultural que non queremos deixar de repetir cada ano.

Por iso ten que quedar na nosa lembranza este momento, porque a colaboración do profesorado foi excepcional, porque a participación do alumnado foi exquisita -e non só do noso, tamén tivemos visita dos nosos veciños de Bastiagueiro, do IES María Casares-, porque a colaboración desinteresada dos diversos poñentes foi un agasallo.

É tempo de agradecer a todo o mundo o seu esforzo, sen esquecerse de ninguén: alumnado, profesorado, concelleira, membros do CEFORE, conserxes, limpadoras. Isto non fixo máis que comezar. O ano vindeiro, MÁIS!!!

 

Darknesscuridade. O maratón de lectura

Dong Xu
Dong Xu

Ao longo dos meses de febreiro e marzo de 2008 tivo lugar no IES Neira Vilas o desenvolvemento do proxecto interdisciplinar “Darknesscuridade”, unha reflexión sobre a obra de Joseph Conrad “O corazón das tebras” e o contexto histórico no que se desenvolve.

Á lectura e análise da obra de Conrad na asignatura de Literatura Universal Contemporánea (1º Bacharelato) engadíuse a de fragmentos da mesma nas clases de linguas estranxeiras. E tamén o visionado do vídeo “Genocide au Congo”, orixinalmente en francés. As actividades incluiron asimesmo o visionado e análise da película de Coppola “Apocalypse Now”, así como dúas exposicións: unha bibliográfica, levada a cabo na biblioteca do centro escolar coa colaboración da biblioteca Ría Leda, e outra fotográfica –no corredor inferior do IES- a base de imaxes históricas comentadas, referentes á colonización do Congo a finais do século XIX e comezos do século XX. E queda por citar a interpretación plástica que dalgúns gravados ou creacións propias realizaron varios alumnos para incluir nesta exposición fotográfica.

Vladimir Kolpakov
Vladimir Kolpakov

As actividades remataron cun acto final multidisciplinar, consistente nun maratón de lectura que se realizou o venres 28 de marzo, entre 10.30 e 12.10 horas no Salón de Actos do IES Neira Vilas. Permitídenos que poñamos énfase neste acto final, que tentemos recrear a súa atmosfera.

O salón de actos está a rebosar, cinco cursos de distintos niveis educativos están expectantes ante un escenario no que, cunha música que fusiona os cantos gaboneses cos concertos de Bach, se presenta un panel co título da novela de Conrad nas nove linguas en que terá lugar a lectura: inglés, castelán, galego, francés, ruso, portugués, xaponés, chinés e italiano. Unha boa mostra da interculturalidade existente no IES Neira Vilas. E Miguel Trobo introdúcenos na primeira parte do acto. Temos aquí a Marlow, temos ao profesor Pepe Couce que se transmutou no protagonista da obra de Conrad. E empeza a debullar a historia, un monólogo tecido de explicacións breves para ambientala na súa realidade auténtica, co trasfondo do imperialismo detrás.

Sara Gestal
Sara Gestal

A segunda parte do acto protagonízao o alumnado que, dun xeito organizado e armonioso, ascende en grupos de 5 ou 4 ao escenario para lernos fragmentos da obra de Conrad en distintos idiomas. Velaí que ascende Saray para iniciar a lectura na lingua orixinaria da obra, o inglés, e un tras outro van intercalándose alumnas e alumnos que len en castelán, galego, francés, portugués,… O alumnado de 1º ESO intégrase co de 1º de Bacharelato, séntese arroupado por el, e o de 3º ESO le á beira do alumnado de 2º Bacharelato en perfecta armonía. E aqueles fragmentos en ruso, xaponés ou chinés que leron Vladimir, Sara e Dong impactan nun público que aplaude todas as intervencións. En total foron 47 alumnas e alumnos, arroupadas polo profesor de Filosofía co seu monólogo e por Nacho Taibo co seu fragmento final en italiano, lembrando as tebras nas que debía estar envolto Londres cando chegaran alí os romanos.

Mais aínda queda a sorpresa final, porque Adrián Bello sube ao escenario e interpreta en directo este rap composto por el e titulado “El alma de la selva”, un tema no que fusiona as reflexións sobre a obra de Conrad, a película de Coppola, os versos de Manrique e as verbas do Che Guevara cando combateu pola descolonización do Congo. É un poema de gran forza, que sirve para rematar este acto.

En conxunto, “Darknesscuridade” implicou directamente a 60 alumnos e 12 profesores. Indirectamente, moitos máis. Grazas a todas e todos.