Cunqueiro

Cunqueiro

Cunqueiro

Cunqueiro: Viaxe polas terras de don Merlín

(véxase “Descubrimos Mondoñedo”)

Actividade realizada cos alumnos e coas alumnas de 4° de ESO.

No ano 2005 cumpríronse cincuenta anos da publicación de Merlín e familia, libro que fora editado por Galaxia en 1955. O mago Merlín anda refuxiado nas terras de Miranda xunto coa raíña Xenebra. Ata a súa casa chegan personaxes extrarordinarios e por obra do vello mago ocorren alí moitos prodixios. De todos eles é testemuña un neno, Felipe de Amancia, que dende a distancia que proporcionan os anos, lembra e conta aquela marabilla que viviu de preto, sendo criado de don Merlín.

A novela está escrita como un libro de memorias dun home que lembra a súa infancia. Quizais se trata do propio Cunqueiro que busca un acobillo nunhas páxinas cuxo escenario son as terras de Miranda, onde vai ficar custodiado o “Paraíso Perdido” do noso fabulador.

Pequena biografía

Álvaro Patricio Cunqueiro Mora naceu o 22 de decembro de 1911 en Mondoñedo, vila episcopal fundida nun val entre montañas, como unha cunca. As torres barrocas da catedral érguense maxestosas por riba das rúas estreitas e silentes, para contemplaren os lousados das casas cubertos de lique, os silenciosos conventos, o pousado discorrer da xente, a Fonte Vella, o vagaroso fluír do río Masma e o perfil dos montes e das fragas. Este Mondoñedo, antigo e señorial, unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia, vai ser o berce literario do escritor, e dunha maneira ou doutra en todos os seus libros agromará un anaco da cidade que se lle ofreceu como lugar privilexiado para crear lonxincuas e fabulosas historias.

Exposición de Cunqueiro

A Exposición

Seu pai, Joaquín Cunqueiro Montenegro, viñera desde Cambados para exercer como farmacéutico na vila mindoniense. Cando casa con Pepita Mora Moirón, dona dunha distinguida familia das veciñas terras de Miranda, establécese nos baixos do Pazo do Bispo. O neno Cunqueiro gostaba de axudalo na botica, e de escoitar as historias dos curandeiros que pasaban polo local. Escola de menciñeiros (1960) e Xente de aquí e de acolá (1971) son obras nas cales adiviñamos o temperán coñecemento que o autor posuía de toda aquela xente sabedora de doenzas e necesitada de multitude de preparados. E na Tertulia de boticas prodigiosas y Escuela de curanderos (1976) batemos con invencións de remedios, velenos e curacións por palabra que de seguro achan o seu xerme nas conversas presenciadas de párvulo na farmacia paterna.

Na memoria literaria do fabulador lucense permanecen infindas lembranzas pracenteiras da súa infancia imaxinadora e contemplativa: as horas transcorridas no pazo episcopal, as camiñadas con don Joaquín por Recende, a Corda e Arneiro, quen lle explicaba os nomes das plantas, dos peixes, dos paxaros e os camiños seguidos polo lobo; as viaxes a Pacios, as estancias no pazo de Cachán, en Riotorto...:“En fin, en fin, non podo, non podo, pra min é imposible concebirme sin todas esas vivencias infantís dunha parte, e da outra parte sin esa paisaxe que eu coñezo perfil e perfil de montes, dos bosques (...) Todo isto, toda esta paisaxe concreta de Mondoñedo, e en xeral a de toda Galicia, ten un certo grado de humedade e de verdor que a min me parece indispensable para vivir”, chegou a lle confesar o escritor a César Carlos Morán nunha entrevista realizada pouco antes da súa morte.

Exposición de Cunqueiro

A Exposición

Desde mediados dos anos corenta ata 1959 viviu retiradoen Mondoñedo. Atravesou o seu particular e árido deserto, axudado en todo momento por amigos excepcionais como Francisco Fernández del Riego e Alberto Casal, entro outros. Aquel retiro fixo rexurdir nel a súa poderosa vitalidade literaria. Arredado na apracible vila mitrada, dispón do vagar necesario, do silencio, da soidade, do ámbito antigo e rural, case primitivo, que o leva a escribir Merlín e familia. A súa decisión de publicar este romance en galego reavivou o pacto inicial co falar materno. O creador de Cantiga nova que se chama riveira comeza a desenvolver o amor pola lingua galega desde cativo, na súa propia casa, con súa nai e coas persoas que alí realizaban labores domésticos. En Mondoñedo e nas aldeas veciñas como Riotorto, onde viviu horas decisivas da súa nenez feliz, o idioma popular era o galego, e el gostaba de se relacionar coas súas xentes para o que se valía da fala que lles era usual. Pero ha ser algúns anos despois, nas liñas que publica na revista do Instituto Xeral e Técnico de Lugo, cando experimente o descubrimento consciente desta lingua. Logo, virán os primeiros proemarios e as colaboracións coa prensa galeguista, e vai ser, tras a tráxica paréntese da contenda civil e da inmediata posguerra, cando comezará a súa condición de escritor bilingüe. Así e todo, cómpre salientarmos que moitas das súas obras apareceron en galego antes que en castelán, e que sempre se amosou máis satisfeito pola produción galega que pola castelá.