Un grupo de 15 alumnos de 4º de ESO realizaron a viaxe de fin de etapa a Barcelona, Figueras e Port Aventura do 15 ao 20 de xuño cun intenso programa lúdico e formativo.
O venres 29 de maio celebrouse no noso centro a graduación do alumnado de segundo de Bacharelato. Ao acto asistiu o alumnado, as súas familias, representantes da comunidade educativa e a Concelleira de Deportes, Turismo e Formación e Emprego do Concello de Oleiros, Teresa Vázquez Maseda. A xornada comezou coa recepción das familias na entrada do centro para pesar posteriormente ao salón de actos onde despois da presentación por parte do director Agustín Fernández Gago falaron a concelleira Teresa Vázquez Maseda en representación do Concello, a profesora de inglés, Warinca Arce González en representación do profesorado, Eduardo Blanco Pereira, pai de Antón Blanco, en representación das familias e Andrea Docampo Sánchez e Antón Blanco Rey en representación do alumnado. Acto seguido, o titor do grupo Jorge Calle López e a profesora de inglés Warinca Arce Gonzalez fixeron entrega ao alumnado dun diploma conmemorativo e unha memoria USB cun vídeo que recorda o seu paso polo centro. A foto de grupo e a visualización do vídeo dou paso á tradicional plantación da arbore, un gingko, nos xardíns do instituto. Un pequeno ágape concluíu a xornada no centro. O alumnado e o profesorado compartiron posteriormente unha cea nun restaurante de Santa Cristina .
Un grupo de máis de 50 alumnas e alumnos do IESP Neira Vilas participou na Viaxe Europea 2015 a Ámsterdam, a capital de Holanda, desde o 30 de abril ata o 4 de maio.
Aloxados á beira de Vondelpark, visitamos a pé os lugares máis emblemáticos da cidade e vivimos experiencias que non habemos de esquecer.
O próximo luns 4 de maio chegarán a Oleiros 33 alumnas e alumnos do colexio Collège Notre Dame Le Menimur de Vannes.
Virán acompañados de 3 profesoras, unha delas xa moi coñecida entre nos a profesora Catherine Le Blay. Coma sempre teñen unha axenda moi apertada e aproveitarán para visitar A Coruña, Santiago de Compostela, as Rias Baixas e para acercarse a Portugal; teremos o sábado 9 de maio a tradicional “Cea da Amizade “ no Centro Cívico de Santalla – Santa Cruz que o Concello de Oleiros nos cede habitualmente. O regreso a Francia está previsto para o día 12 do próximo mes de maio.
Desexámoslles unha boa estadía e que desfruten da nosa terra.
54 alumnas e alumnos da Sección Plurilingüe e este ano tamén os de BACHIBAC realizarán a xa tradicional “VIAXE EUROPEA” co ánimo de que coñecen cidades e países da U.E., este curso a Amsterdam e estarán acompañados de 4 profesores do centro e da Asistente de Linguas Marie-Noëlle Chapelle . As datas da viaxe son do 30 de abril a 4 de maio.
Nesta cidade visitaremos a Casa Museo de Ana Frank, o Museo Vang Gogh, o Rijsmuseum e o Museo da Ciencia NEMO ( o museo de ciencia e tecnoloxía mais importante de Holanda), sen esquecer o paseo polos canais da fermosa cidade de Amterdam, tamén aproveitaremos para coñecer os recunchos mais tradicionais da cidade como o Mercado das Flores , o Mercado de Albert Cuyp, a Praza Dam, o parque Vondelpark etc…
O instituto, na súa Semana Intercultural, súmase ás celebracións do ano 2015 como ano internacional da luz e das tecoloxías baseadas na luz recollendo a proposta feita pola ONU.
O programa que imos desenvolver contempla a luz como fenómeno físico pero tamén como fonte de vida e de conducta.
O 5 de marzo celebrouse no instituto un encontro emotivo e dos que non se esquecen. Foi unha homenaxe ás mulleres traballadoras e tivo por protagonistas ao alumnado de primeiro de ESO e catro avoas.
Durante dúas horas o alumnado e profesorado escoitamos falar da vida cunha intensidade conmovedora. Foi unha lección maxistral de como abordar, da maneira máis sinxela, grandes temas complexos como o alcolismo e a súa influenza na familia, a seguridade vial, a necesidade de unirse para cambiar situacións e salvar vidas, a educación e o coñecemento como camiño para ser libres, na escola e mais tamén ao longo de toda a vida. Caer e volver a levantarse, sempre, outra vez.
Ao día seguinte fíxose a valoración. Unha alumna dixo: “Cando rematou o acto eu o que tiña era moitas ganas de abrazalas”. Mirei a reacción do grupo. Na atmosfera estaba un mesmo sentimento. A clase asentía de xeito unánime.
Grazas infindas avoas: Jeanne Picard, Josefa Fernández Costas, Manuela Fernández Leis e Aurora Roel Muñiz.
Manuela e Aurora estiveron representadas polos seus netos Iago Ruibal Lago e Daniel Sánchez Mosquera de 4ª de ESO. Oradores capaces de transmitir os seus sentimentos, amenos e simpáticos que fixeron da dura vida das súas avoas un conto cheo de humor.
O 28 de xaneiro, o alumnado de Bioloxía de 4º da ESO e o de Ciencias da Terra e Ambientais de 2º de BAC realizou un visita á Estación Depuración de Augas Residuais (EDAR) ubicada en Bens e que presta servicios aos Concellos de Oleiros, Culleredo, A Coruña, Cambre e Arteixo .
Foron atendidos polo director xeral e un técnico da empresa que, nun primer momento, fixeron unha exposición da razón de ser deste proxecto, os procesos que siguen ás augas residuais que chegan á estación, a necesidade de concienciarnos todos da importación destes tratamentos para o medio ambiente e da necesidade dun correcto uso da rede de alcantarillado.
A continuación realizouse un percorrido polo exterior seguindo o proceso de depuración desde a entrada na estación ata a saida das augas polo emisario cara o mar pasando polos procesos de cribado, decantación, tratamiento biolóxico e tratamento de lamas.
Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)