Primeiro Encontro Científico CORUÑACERN

Mar Capeans e parte do alumnado asistente. [Foto de La Voz de Galicia]
Mar Capeans e parte do alumnado asistente. [Foto de La Voz de Galicia]
Alumnos de física e química de 1º de Bacharelato asistiron o día 22 de maio no Centro Social dos Mallos ao Primeiro Encontro Científico CORUÑACERN. Esta actividade científica organizada polo IES Urbano Lugrís, pretende dar a coñecer o CERN, siglas empregadas para referirse á “Organización Europea para a Investigación Nuclear”, e tamén espertar vocacións científicas nos alumnos dos últimos cursos do ensino secundario.

Programa de Actividades

  1. Conferencia : Susana Mataix. Que é o CERN?
  2. Conferencia : Margarita Cimadevila. Science, Art & CERN.
  3. Conferencia: Mar Capeáns. Experimento ATLAS: o soño acadado.
  4. Obradoiro : Francisco Barradas. Visionado de neutrinos en Cámara de Néboa.

A noticia en “La Voz de Galicia

Verníada

Todos no escenario Festa en Mera. O 16 de maio de 2009 culmina o noso “ano Verne”, o ano académico da multiculturalidade e a viaxe sen fin. No escenario do auditorio García Márquez rendemos homenaxe ao escritor de Nantes que en 1873 publicou “A volta ao mundo en 80 días”. E facémolo rodeados de alumnas e alumnos, profesoras e profesores, nais e pais, familiares que desexan pasear polo mundo ao son da música e da palabra, participando nun espectáculo literario-musical que se adiantou no entroido e que agora cobra forma para a posteridade.

A nosa “Verníada” viña precedida da lectura dun libro sen par -Matías recomendóunolo, fíxonolo amar-, dun ensaio xeral en entroido -no que Marián e Jesús xa escolleran as pezas musicais que ían dar forma a esta representación-, dunha proxección dos mellores intres da versión cinematográfica, datada en 1956 -Nacho fixo a selección-, dunha conferencia na I Semana Intercultural, dunha entusiasta participación de profesorado no traballo interdisciplinar da obra -Isabel Aller, José Antonio Rodríguez, Antón, Isabel, Goretti, Warinca, Carlos-. Só quedaba que máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Neira Vilas subisen ao escenario de Mera para poñer en práctica un traballo do que nos sentimos orgullosos.

E así foi. Durante oitenta minutos viaxamos por todo o mundo igual que Fogg o fixera en oitenta días. Miriam, absolutamente insuperable, presentou o espectáculo, introducíunos no argumento. E foron pasando lectores en diversos idiomas; Uxía, Sergio, Constance, Alberto, Bárbara, Dong, Sara, Joana, Bruno, André Luis e Vladimir foron ubicándonos nas paisaxes: Londres, Suez, Adén, Bombai, Hong-Kong, Yokohama, San Francisco, Oakland, Nova Iorque, a costa de Irlanda… Léronnos en francés, inglés, castelán, galego, portugués, chinés, xaponés, ruso. Puxéronnos ante a evidencia de que somos un centro educativo plural, e que nesa pluralidade nos gusta vernos reflectidos.

Quedan na retina as imaxes do alumnado disfrazado para axustarse estrictamente á representación: Héctor estaba glorioso co seu kilt escocés como se dun inmigrante de tal guisa en Nova Iorque se tratase; outros eran xudeus en Suez, vaqueiros no oeste, Alejo levaba un poncho sudamericano espectacular, Amanda era unha india do oeste moi ben caracterizada, había xoves galegas disfrazadas de orientais chinesas dun xeito excelente, Dong deunos un recital vocal cando pasamos por Hong-Kong.

Grazas a todas e todos. Podedes sentir contentos. Fixéstesnos amar a literatura, a música, a oratoria, o teatro, o espectáculo. Demostrastes que ler é gozar, que aprender non está en contra de disfrutar, que cando todos arrimamos o ombreiro as cousas merecen ser repetidas. Así que isto ten que ter continuidade. Porque o talento non debe quedar descansando na casa, hai que facelo público.

Axenda 21 escolar de Galicia.

Premio
Premio

Como xa sabedes este curso está poñéndose en marcha no noso centro a axenda 21 escolar de Galicia. Trátase dun proxecto promovido pola consellería de medio ambiente para realizar nos centros programas orientados á educación no coidado medioambiental, no desenvolvemento sostible e no coidado da convivencia.

O IES Neira Vilas acadou o primeiro premio na reunión intercentros celebrada no pazo de congresos de Pontevedra o pasado xoves 14 de maio de 2009 co nome “O alumnado é protagonista”

24 alumnos do noso IES presentaron nese congreso dúas actividades:

Pola mañá o equipo de convivencia e mediación realizou unha ponencia que consistiu no visionado dun vídeo elaborado polo equipo e na realización dunha dinámica de grupo, con alumnos de outros centros participantes, na que se representaban os distintos momentos dunha mediación.

Pola tarde un grupo de alumnos de 2º ESO organizou un obradoiro de elaboración de carteis relacionados co coidado ao medio ambiente.

Serviron de modelo os carteis realizados no concurso que fixemos no IES, no que resultou gañadora a alumna de 3ºeso Stephanya Torres Esquivel.

Outras Actividades. Curso 2008-2009

FORUM ORIENTA 2009

Os alumnos/as de 4º da ESO, 1º de BAC e 2º de BAC visitarán o FORUM ORIENTA 2009 o día 13 de febreiro. O obxectivo desta actividade é que o alumnado adquira un maior coñecemento do ensino superior en Galicia. É unha actividade do Departamento de Orientación en colaboración coas Titorías.

DATA: 14-11-2008: VISITA A INDITEX

A visita a Inditex en Arteixo á que asistiron os alumnos de Economía de 1º e 2º de Bacharelato consistíu nun percorrido polos distintos departamentos: Diseño, Tendas piloto, fabricación e distribución…..acompañado das explicacións necesarias por parte de persoal da empresa

CAMPAÑA PARA A PREVENCIÓN DA DROGADICCIÓN:

Durante a semana do 3 ao 7 de NOVEMBRO todo o alumnado da ESO recibiu unhas charlas informativas e talleres para tratar a prevención da drogadicción.

Esta actividade foi organizada conxuntamente pola dirección do centro e o concello de Oleiros.

DATA: 5-11-2008: FORMACIóN DE USUARIOS DE BIBLIOTECA

O pasado día 5 de Novembro os alumnos de 4º da ESO asistiron a unha visita de Formación de usuarios de biblioteca que tivo lugar na biblioteca do parque Europa de A Coruña.

DATA: 28-10-2008. ACTIVIDADE: DESAFÍO PARA NOVOS EMPRENDEDORES.

Un grupo de alumnos de economía de 1º de Bacharelato está a participar nun xogo da Escola de negocios de Caixanova. Para informarlles sobre o xogo e aclarar dúbidas , trasladóuse ao centro un membro do equipo de Play: desafío para novos emprendedores.

Esperamos que a charla fose de gran utilidade e que gañen o xogo

¡ Boa sorte, rapaces!

SAMAGOSTÍN

O luns 10 de novembro celebraremos no IES Neira Vilas o “SAMAGOSTÍN”: MAGOSTO + SAMAÍN