Arquivos da etiqueta: José Antonio Rodríguez

Verníada

Todos no escenario Festa en Mera. O 16 de maio de 2009 culmina o noso “ano Verne”, o ano académico da multiculturalidade e a viaxe sen fin. No escenario do auditorio García Márquez rendemos homenaxe ao escritor de Nantes que en 1873 publicou “A volta ao mundo en 80 días”. E facémolo rodeados de alumnas e alumnos, profesoras e profesores, nais e pais, familiares que desexan pasear polo mundo ao son da música e da palabra, participando nun espectáculo literario-musical que se adiantou no entroido e que agora cobra forma para a posteridade.

A nosa “Verníada” viña precedida da lectura dun libro sen par -Matías recomendóunolo, fíxonolo amar-, dun ensaio xeral en entroido -no que Marián e Jesús xa escolleran as pezas musicais que ían dar forma a esta representación-, dunha proxección dos mellores intres da versión cinematográfica, datada en 1956 -Nacho fixo a selección-, dunha conferencia na I Semana Intercultural, dunha entusiasta participación de profesorado no traballo interdisciplinar da obra -Isabel Aller, José Antonio Rodríguez, Antón, Isabel, Goretti, Warinca, Carlos-. Só quedaba que máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Neira Vilas subisen ao escenario de Mera para poñer en práctica un traballo do que nos sentimos orgullosos.

E así foi. Durante oitenta minutos viaxamos por todo o mundo igual que Fogg o fixera en oitenta días. Miriam, absolutamente insuperable, presentou o espectáculo, introducíunos no argumento. E foron pasando lectores en diversos idiomas; Uxía, Sergio, Constance, Alberto, Bárbara, Dong, Sara, Joana, Bruno, André Luis e Vladimir foron ubicándonos nas paisaxes: Londres, Suez, Adén, Bombai, Hong-Kong, Yokohama, San Francisco, Oakland, Nova Iorque, a costa de Irlanda… Léronnos en francés, inglés, castelán, galego, portugués, chinés, xaponés, ruso. Puxéronnos ante a evidencia de que somos un centro educativo plural, e que nesa pluralidade nos gusta vernos reflectidos.

Quedan na retina as imaxes do alumnado disfrazado para axustarse estrictamente á representación: Héctor estaba glorioso co seu kilt escocés como se dun inmigrante de tal guisa en Nova Iorque se tratase; outros eran xudeus en Suez, vaqueiros no oeste, Alejo levaba un poncho sudamericano espectacular, Amanda era unha india do oeste moi ben caracterizada, había xoves galegas disfrazadas de orientais chinesas dun xeito excelente, Dong deunos un recital vocal cando pasamos por Hong-Kong.

Grazas a todas e todos. Podedes sentir contentos. Fixéstesnos amar a literatura, a música, a oratoria, o teatro, o espectáculo. Demostrastes que ler é gozar, que aprender non está en contra de disfrutar, que cando todos arrimamos o ombreiro as cousas merecen ser repetidas. Así que isto ten que ter continuidade. Porque o talento non debe quedar descansando na casa, hai que facelo público.