Arquivos da etiqueta: A21EG

Coñecer mellor a ría do Burgo para coidala e poñela en valor

Membros do Roots and Shoots!
Membros do Roots and Shoots!

“AS AVES DA RÍA DO BURGO” é o título do informe final, recollido como exposición e presentación audiovisual, dun traballo académico que durou todo o curso. Os responsables do mesmo son as profesoras de bioloxía e xeoloxía e o alumnado de ciencias para o mundo contemporáneo de 1º de bacharelato. Sendo obxecto de investigación e tratamento curricular por parte do departamento citado nos últimos anos. A súa biodiversidade e o tremendo problema da contaminación existente son asuntos recorrentes no traballo de aula para profesoras e alumnos. Este curso retomouse e continuouse implicando materias e alumnado de 2º e 3º de ESO e aos de 1º de bacharelato.

Fixéronse varias saídas á ría para observar e recoller información.

Participouse no encontro do Proxecto Europeo Grundtvig.

Solicitaron datos sobre as actuacións das distintas administracións (Concello de Oleiros, Concello de Culleredo, Concello de Cambre, Xunta de Galicia e Demarcación de Costas) con resultados desiguais nas súas respostas. A colaboración mais valiosa para o grupo veu da Confradía de Pescadores da Coruña e do naturalista experto en aves Antonio Sandoval.

Analizáronse mostras de auga procedente da ría nos laboratorios do centro, estudaron a maneira de identificar especies de aves invernantes na ría – fixéronse fotos e cadernos de campo para recoñecelas -, pasouse unha enquisa co obxecto de detectar o coñecemento das familias e veciños respecto do estado actual da ría e dos seus poboadores… E, como acción transformadora recolléronse mais de 1000 sinaturas entre os membros da comunidade escolar, do entorno e ate onde se chegou, para demandar un maior recoñecemento do valor da nosa ría, así como as conseguintes medidas de protección.

Con estes haberes na carteira profesoras e alumnado acudiron a dous foros nos que facer públicas as súas achegas: o 20 de maio en Pontevedra no marco da A21EG encontro “o alumnado é o protagonista” , o 27 de maio no castelo de Sta. Cruz o IV Congreso Escolar de educación ambiental organizado polo CEIDA.

En Pontevedra reuniuse alumnado e profesorado de 22 centros de ensino de toda Galicia. A viaxe xa foi unha testemuña de aposta pola sustentabilidade: compartiuse o mesmo autobús con compañeiros e compañeiras do IES Fraga do Eume. Foi unha xornada calorosa e frutífera: a estrea da exposición sobre as aves da ría do Burgo ! (14 carteis en lona coas correspondentes especies significativas do humidal, retratadas con calidade, e identificando os seus sinais de identidade). A propia Consellería de Medio Ambiente colgou a exposición nas súas instalacións nas xornadas do profesorado da A21EG e agardamos que o curso vindeiro sexa vista en moitos centros de ensino de Galicia.

Foron os rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato quen dinamizaron un seminario matinal amosando unha síntese breve das conclusións de parte do traballo – presentación audiovisual centrada nas aves e a súa caracterización – e logo unha actividade, ben divertida – caderno de campo en man… -, de identificación e debuxo das especies recollidas nos carteis coas fotos dos habitantes da nosa ría. Tamén percorreron os seminarios do resto dos centros sobre sostibilidade e medio ambiente. Case todos os participantes do encontro asinaron a favor dun maior coidado da ría do Burgo. Un momento significativo da xornada foi a visita á exposición en compañía doDirector Xeral de Sustentabilidade e Paisaxe D. Manuel Borobio Sanchiz.

O Director xeral convidou ao “equipo de investigadores” do centro a que fagan as súas alegacións ao Plan do Litoral respecto da ría do Burgo para que sexan consideradas cara o futuro. Asumiremos o compromiso. Abonda con mirar e ver para recoñecer un humidal e as especies que dependen da súa conservación para seguir existindo.

No Castelo de Sta. Cruz o encontro tiña como lema “Espazos para conservar. Defendamos o noso patrimonio natural”. Acudiron cinco centros da comarca da Coruña presentando cada un a súa causa para defender. O nivel científico e de interese foi maior neste foro que no de Pontevedra. Aquí levouse a comunicación do traballo feito en toda a súa extensión. Non so centrado na caracterización das aves. Ao participar no congreso o equipo de investigación pasa a formar parte da rede de centros Jane Goodall.

Somos protagonistas do seu programa educativo Roots and Shoots. Rematou a xornada cun roteiro polo Monumento Natural da Costa de Dexo.