Arquivos da etiqueta: Aniana Díaz Gómez

Viaxe a Londres de alumnado do IES Xosé Neira Vilas

Fin de curso 2005-2006

Picadilly
Picadilly

Os días 23 ao 28 de xuño un grupo de alumnos e alumnas do noso Instituto, de diferentes niveis educativos (4º ESO, 1º e 2º de bacharelato) participaron nunha viaxe a Londres organizado polas profesoras Cristina Fernández Branco e Aniana Díaz Gómez.

A chegada á capital británica foi o venres 23 de xuño pola tarde. Despois do aloxamento no Leinster Inn Hostel, un albergue de xente nova en Bayswater, unha zona moi típica de Londres, o primeiro contacto coa cidade foi na archicoñecida Picadilly Circus, cos seus rechamantes anuncios luminosos e o seu ambiente alegre e cosmopolita. Aínda que non se podía gozar ata moi tarde porque o día seguinte prometía duro e canso.

Comida diante do museo
Comida diante do museo

Aproveitouse ao máximo a mañá do día 24 paseando por Hyde Park e visitando o Science Museum, o Natural History Museum (famoso no mundo enteiro polo esqueleto de dinosauro que loce na súa entrada) e o Victoria & Albert Museum no que se pode ver, entre outras cousas ¡unha reprodución do Pórtico da Gloria!. Despois, unha comida “á inglesa” sobre o céspede, permitiu repoñer forzas. Pola tarde esperaba Portobello, un dos mercados máis famosos do mundo, situado no non menos coñecido barrio de Notting Hill.

O domingo é o día ideal para achegarse ao Speakers Corner, en Hyde Park, e así se fixo. Alí, improvisados oradores expoñen aos demais as súas ideas sobre política, relixión, cultura, sociedade… un interesante exercicio de liberdade de expresión e tolerancia. Despois, un típico bus inglés de dous pisos cruzou o centro da cidade ata levarnos a beiras do Támesis para admirar The Houses of Parliament e, o icono da cidade, o Big Ben. A abadía de Westminster está pechada os domingos, co que non se puido visitar a tumba de Sir Isaac Newton, Lord Rutherford, ou do aventurero Dr Livingston entre moitos outros.

Embaxada de Arxentina en Londres
Embaxada de Arxentina en Londres

O “consolo” estivo nunha travesía polo Támesis, con parada na Tate Modern Galery, e destino cara á Tower of London. Alí viviron moitos reis de Inglaterra e ademais mantíñase cativos e se axustizaba a moitos acusados de traizón a Inglaterra. A xornada acabou no idílico Covent Garden co seu ambiente de músicos e artistas urbanos.

Ao día seguinte esperaba unha das xoias da cidade: o British Museum, onde se poden admirar pezas únicas como a pedra de Rosetta, numerosas momias exipcias, e gran parte do friso do Partenón (coa conseguinte polémica co goberno grego…). Pola tarde, o Embaixador de Arxentina en Londres, D. Federico Mirré, tío dunha das nosas alumnas, tivo a xentileza de convidar a todo o grupo que a acompañaba a unha riquísima merenda na súa casa, un marabilloso edificio situado nunha das zonas máis glamourosas da capital

Ambiente en Camden
Ambiente en Camden

O último día aínda quedaba moito por aproveitar. O destino da mañá foi o Palacio de Buckingham, residencia da Raíña de Inglaterra, pero non chegamos a tempo para ver o famoso cambio da garda. A decepción inicial pronto se esqueceu porque a tarde esperábanos Camden Lock, o mercado co ambiente máis ecléctico, extravagante e cosmopolita que se poida imaxinar. Tendas de roupa de todos os estilos alternativos, gótico, punk, ciber, hippy… aquí se atopan todas as tribos urbanas posibles!. Logo dunha esgotadora xornada de compras, a despedida da cidade non podía ser doutro xeito que presenciando un musical nun típico teatro londiniense.

Cansos pero moi contentos, o grupo partiu do aeroporto de Heathrow cara a Alvedro con ganas de volver visitar esta marabillosa capital europea, tan próxima a nós.