Arquivos da etiqueta: Carlos Vidal

Roma na primavera

Roma na primavera
Roma na primavera

Durante os días 17 a 21 de maio, sesenta alumnos e alumnas das seccións plurilingues e bilingües visitarán a cidade italiana acompañados polos profesores: Antonella Ermellino, Xosé Antón García González, Carmen García-Rodeja Arribí, Isabel López Mariño, Juan A. Santamaria González e Carlos Vidal López

O xoves día 17 chegamos ó aeroporto de Términi e dirixímonos ó Albergue situado xunto á plaza Bolonia, despois de acomodarnos dispuxémonos para a visita da cidade, collimos o metro por primeira vez e iniciamos a visita da cidade no Circo máximo, depois paseamos o seu carón ata ó alto da cidade para ver as vistas maravillosas de San Pedro, despois visitamos o foro boario e achegámonos á Boca da verdade (Boca della veritá) para comprobar que non decimos mentiras. A tardiña fumos coñecer e cear en pleno barrio de Trastévere.

O venres dia 18 visitamos o Palatino , a igrexa di Gesù o Teatro de Marcello (teatro di Marcello) e a Praza do Campidoglio (Piazza del Campidoglio), de tarde visitamos a Fontana di Trevi, a Praza de España (Piazza di Spagna) , a Praza do Pobo (Piazza del Popolo) , depois de comer fumnos ó Coliseo no que xa tíñamos a entrada reservada ceamos todos xuntos perto da plaza Bolonia onde estaba o noso albergue.

O sábado dia 19 foi o día adicado a visitar o Vaticano, a Capela Sixtina e os Museos Vaticanos, pola tarde paseamos por Roma e fumos coñecer a Praza Navona, ali ceamos e moitos do grupo quedamos a pasear pola noite romana no Campo di Fiori .

O domingo día 20 visitamos -como os romanos nos domingos- o inmenso parque de Vila Borghese e coñecimos a Galeria Nacional de Arte Moderna despois estivemos de mercas pola via do Corso e na vía Condotti; pola tarde fumos visitar o Panteón e a igrexa de Gesú.

O luns 21 foi o día dos últimos recados e paseo pola plaza Bolonia e xa a volta a casa.

Debemos destacar da viaxe a Roma o estupendo comportamento do alumnado, tanto que fumos felicitados en numerosos lugares: no avión, nos restaurantes… tamén valoramos a experiencia do profesor Vidal xa que o todo o relativo á pagos, documentos e organización da viaxe estaba perfectamente organizada, por outra banda foi estupendo poder contar coas magníficas explicacións do profesor Xosé Antón García e a amabilidad e desinterés dos compañeros Isabel López Mariño e Juan Santamaría e, por suposto, a organización estupenda da profesora Antonella Ermelindo que permitíu ter un estupendo aloxamento, as entradas dos museos xa organizadas e disfrutar dunha comidas estupendas nos millores sitios da cidade.

Videos e fotos

O IES Neira Vilas recibe ó alumado e profesorado do Collège Notre Dame Le Menimur de Vannes

IV Intercambio Escolar
IV Intercambio Escolar

O martes día 8 de maio 27 alumnas e alumnos franceses chegaron a terras oleirenses na segunda parte do IV Intercambio Escolar do noso centro. Estiveron acompañados de dúas profesoras, unha delas Catherine Le Blay, unha vella coñecida no noso centro, e xunto co profesor Carlos Vidal son os organizadores desta actividade desde hai moitos anos. Permaneceron durante unha semana acollidos polas familias dos seus alumnos correspondentes. Entre as actividades que realizaron está a asistencia a clase no Instituto e varias viaxes por Galicia entre elas á Coruña, Santiago e ás Rias Baixas Por outro lado o sábado 12 realizouse a tradicional “Cea de amizade” na Casa do Pobo de Sta Cruz, que nos cedeu amablemente o Concello, e á que asistiu todo o alumnado participante no Intercambio así como as familias e o profesorado.

 

IV Intercambio Escolar I.E.S. Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros / Collège Notre Dame Le Menimur de Vannes

IV Intercambio Escolar
IV Intercambio Escolar

O pasado 20 de marzo , 27 alumnos de 2º ESO ( Sección Plurilingüe) 3º e 4º de ESO ( Sección Bilingüe) e 1º de Bacharelato acompañados dos profesores Dona Isabel López Mariño e Don J. Carlos Vidal López , iniciaron o 4º Intercambio Escolar co Collège Notre Dame Le Ménimur de Vannes , capital do Departamento do Morbihan na Bretaña francesa; estes alumnos foron acollidos na casa dos seus correspondentes franceses.

Durante a estadía realizaron moitas actividades e coñeceron a rexión de Bretaña así coma a súa gastronomia.

Visitaron a cidade de Vannes, Carnac, Quimper a Península de Quiberon, Dinan , St Malo e o famosísimo Mt St Michel

Participaron nas actividades do Colexio: asistencia a clases, intervención nas aulas de español, actividades na aula de informática ; tamén deberon cumprimentar o caderno de actividades elaborado polo Departamento de Francés para reflectir no mesmo esta actividade de Intercambio Escolar.

O Intercambio completouse cunha estadía de 2 días en París onde visitaron os monumentos máis coñecidos de París: Tour Eiffel, Campos Elíseos, a Catedral de Notre Dame, o Louvre , o Sagrado Corazón, Montmartre, a Tour Montparnasse, etc. E, por suposto, unha viaxe polo Sena nos coñecidos “bateau-mouche”.

O alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato visitaron dúas exposicións :

  • Sobre o famoso fotógrafo francés DOISNEAU no edificio do Concello de Paris
  • Exposición sobre o cineasta americano TIM BURTON na Cinémathèque de Paris.

A actividade rematou o venres 30 coa visita ao Parque Eurodisney.

Viaxe Comenius / Lucera ( Italia)

[Descargar o programa da viaxe]

7 alumnos de 3º e 4º da ESO ( Diego Cabeza, Paco Álvarez, David Peral, Raquel Pose, Andra Pía, Benxa Varela e Uxía Vázquez) acompañados de 3 profesores Dona Isabel López Mariño, Don J. Carlos Vidal López (Coordinador do proxecto) e polo Director do Instituto Don José López Couce) pasamos unha semana nun pobo italiano da Rexión da Puglia (situada no sur de Italia, na provincia de Foggia) chamado Lucera, un pobo moi bonito duns 40.000 habitantes; alí fomos acollidos de marabilla, un exemplo da súa amabilidade foi o préstamo de roupa, as nosas maletas quedaron en Madrid e chegaron ao día seguinte.

Como o Proxecto Comenius ten como título “SOMOS O QUE COMEMOS” as viaxes que fixemos tiñan relación co tema, visitamos “Tamma” unha fábrica de pasta, estivemos tamén en PRO-GEN ZONA ASI centro de investigación con todo o relacionado coa pasta, vimos como se fabricaba o aceite e tamén fixemos visitas culturais a Trani e Barleta; outra actividade moi agradable e divertida foi unha festa na que participaron as familias de acollida e alí aprendemos a facer pasta caseira.

Lucera
Lucera

Queremos destacar o enriquecemento que supuxo para todos nós o feito de estudar dúas linguas estranxeiras (neste encontro participou tamén o alumnado dos outros institutos que participan no proxecto de Francia e de Polonia) xa que facilitou enormemente os contactos cos outros alumnos, tamén nos demos conta de que cos italianos eramos capaces de entendernos sen demasiados problemas; en resumo destacar o que nos vivimos como unha experiencia única e realmente gratificante. Esperamos que os nosos compañeiros que no mes de abril vanse a Polonia páseno, polo menos, tan ben coma nós. Pola nosa banda agardamos con impaciencia a chegada das nosas correspondentes italianas en 2013 , trataremos por todos os medios de acollelas tan ben como elas e as súas familias fixeron con nós.

Paco Álvarez, Diego Cabeza, David Peral, Raquel Pose, Andra Pía, Benxa Varela e Uxía Vázquez

Viaxe a Bruxelas

Viaxe a Bruxelas 2011
Viaxe a Bruxelas 2011

Do 13 de maio ao 17 de maio, 30 alumnos da Sección Plurilingüe e das Seccións Bilingües de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato acompañados dos 3 profesores que imparten nas diferentes seccións e o director, viaxaron a Bruxelas.

Pódese ver un vídeo e o correlato da viaxe no blog do profesor Xosé Antón. Tamén pode descargar o programa da viaxe.

Crónica Bretona

Grupo de Intercambio
Grupo de Intercambio

Narrar un intercambio desde a distancia permite só describir pequenas sensacións, porque as grandes sensacións están reservadas para os protagonistas, 26 alumnas e alumnos que -en compañía doutros 31 do IES Puga Ramón, Isabel, Carolina, Paz e monsieur Vidal- experimentan 24 horas sobre 24 a estadía en Vannes, nas casas dos seus “correspondants”, no collège, na praza,…

Por iso esta narración ten que ser por forza fragmentaria. Unha viaxe longa, iniciada en noite de domingo, rematou con ben chegando a Vannes na tarde do luns 15 de marzo. Ao día seguinte, cumprindo o programa, o grupo diríxese aos milenarios campos de megalitos de Carnac. E velaí a primeira fotografía de conxunto que nos transmite Antía: é a dun día soleado que amence fresco (MétéoFrance indicaba mínimas de 3ºC para esta zona de Bretaña) e resultará agradable durante toda a xornada. Nesta fotografía de grupo dá amparo contemplar como monsieur Vidal e o grupo de “veteranos” de intercambio de 4º ESO protexen aos que por primeira vez participan na experiencia, un pouco cegados por ese sol matutino que lles dá de cara, saíndo por onde sempre sae -polo Leste, facendo que as sombras dos fotógrafos -que non as dos cipreses, que diría Delibes- sexan alongadas-. Lamento non ver a faciana de María Ramil, mais estou seguro de que está a disfrutar como os demais.

E teño que dicir que este mércores ían ao museo da prehistoria de Vannes (que tal se comportaría o alumnado-guía? Estou ben seguro de que estiveron á altura). Aquí seguimos, desde lonxe, agardando máis novas.

Cóntanos Lucía que o mércores 17 foron ao mercado para cubrir o apartado do seu traballo de cotexar prezos dos distintos alimentos. E despois disfrutaron do tempo libre. O xoves 18 tivo lugar a visita a Vannes, e pola tarde, en lugar de que os nosos ciceróns se lucisen explicando a préhistoire bretonne, Mme. Le Blay preparoulles un rallie pola cidade para coñecer a fondo a cidade (todas as vilas se coñecen mellor a pé e preguntando aos nativos). Venres 19 partiron cedo cara a Mont Saint-Michel, na que os ciceróns de 4º ESO se explaiaron a conciencia, demostrando claramente o seu avezado coñecemento da abadía, da merveille au bord de la mer.

Sábado e domingo en familia, luns 22 en clase au collège. Xa din adeus a Vannes, à bientôt, xa marchan cara a París.

Fotos enviadas desde Vannes

Verníada

Todos no escenario Festa en Mera. O 16 de maio de 2009 culmina o noso “ano Verne”, o ano académico da multiculturalidade e a viaxe sen fin. No escenario do auditorio García Márquez rendemos homenaxe ao escritor de Nantes que en 1873 publicou “A volta ao mundo en 80 días”. E facémolo rodeados de alumnas e alumnos, profesoras e profesores, nais e pais, familiares que desexan pasear polo mundo ao son da música e da palabra, participando nun espectáculo literario-musical que se adiantou no entroido e que agora cobra forma para a posteridade.

A nosa “Verníada” viña precedida da lectura dun libro sen par -Matías recomendóunolo, fíxonolo amar-, dun ensaio xeral en entroido -no que Marián e Jesús xa escolleran as pezas musicais que ían dar forma a esta representación-, dunha proxección dos mellores intres da versión cinematográfica, datada en 1956 -Nacho fixo a selección-, dunha conferencia na I Semana Intercultural, dunha entusiasta participación de profesorado no traballo interdisciplinar da obra -Isabel Aller, José Antonio Rodríguez, Antón, Isabel, Goretti, Warinca, Carlos-. Só quedaba que máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Neira Vilas subisen ao escenario de Mera para poñer en práctica un traballo do que nos sentimos orgullosos.

E así foi. Durante oitenta minutos viaxamos por todo o mundo igual que Fogg o fixera en oitenta días. Miriam, absolutamente insuperable, presentou o espectáculo, introducíunos no argumento. E foron pasando lectores en diversos idiomas; Uxía, Sergio, Constance, Alberto, Bárbara, Dong, Sara, Joana, Bruno, André Luis e Vladimir foron ubicándonos nas paisaxes: Londres, Suez, Adén, Bombai, Hong-Kong, Yokohama, San Francisco, Oakland, Nova Iorque, a costa de Irlanda… Léronnos en francés, inglés, castelán, galego, portugués, chinés, xaponés, ruso. Puxéronnos ante a evidencia de que somos un centro educativo plural, e que nesa pluralidade nos gusta vernos reflectidos.

Quedan na retina as imaxes do alumnado disfrazado para axustarse estrictamente á representación: Héctor estaba glorioso co seu kilt escocés como se dun inmigrante de tal guisa en Nova Iorque se tratase; outros eran xudeus en Suez, vaqueiros no oeste, Alejo levaba un poncho sudamericano espectacular, Amanda era unha india do oeste moi ben caracterizada, había xoves galegas disfrazadas de orientais chinesas dun xeito excelente, Dong deunos un recital vocal cando pasamos por Hong-Kong.

Grazas a todas e todos. Podedes sentir contentos. Fixéstesnos amar a literatura, a música, a oratoria, o teatro, o espectáculo. Demostrastes que ler é gozar, que aprender non está en contra de disfrutar, que cando todos arrimamos o ombreiro as cousas merecen ser repetidas. Así que isto ten que ter continuidade. Porque o talento non debe quedar descansando na casa, hai que facelo público.

Intercambio Escolar

París
París

Do 24 de marzo ao 4 de abril de 2009 tivo lugar o 1º Échange co centro francés de Nôtre Dame Le Ménimur (Vannes – Bretaña – Francia), no que participaron 22 alumnas/os de 2º, 3º, 4º ESO e 1º de Bacharelato. O intercambio tivo lugar acompañando a outras/os tantas/os alumnas/os do IES Puga Ramón, que se intercambiaban con alumnado da mesma localidade, mais do centro de St François Xavier. Ás cinco da tarde do 25 de marzo, o autobús que nos levaba chegou á capela de St Gwenn, onde xoves practicantes de rugby agardan ao transporte respectivo xogando con balóns oblongos. E, mentres tanto, 44 estudantes descenderon un tanto atemorizados, inquedos, nervosos, ante a chegada inminente dos seus “correspondentes” bretóns. Moitas historias individuais arrancaron nese intre, sempre para lembrar.

O xoves 26 visitamos o Museo Arqueolóxico de Vannes, que expresamente abría as súas portas ás nove da mañá para que poidésemos observar, no primeiro piso, restos arqueolóxicos excavados no Morbihan, que delatan os cambios culturais da prehistoria nestes lugares; á saída, Julien contounosos grosso modo a historia de Vannes enlazada á de Bretaña (as orixes galorromanas de Darioritum, as primeiras murallas para defenderse das invasións xermánicas, o retroceso do mar ata o nivel do actual porto, a creación das murallas baixomedievais, o traslado temporal do parlamento bretón desde Rennes durante o reinado do Roi Soleil, a chegada do ferrocarril no século XIX, a liberación polos norteamericanos da vila en agosto de 1944,…) e levounos coñecer os modelos de casas góticas do século XV, unha casa renacentista do XVI, a catedral, as portas das murallas, os vellos lavadeiros reconstruidos no XIX,… Unha mañá de paseo histórico pola vila abríu o camiño a comer cedo -horario europeo, estabamos en Francia- e ser recibidos ás dúas da tarde na casa do concello, onde aos agasallos se engade unha bebida co verre de l’amitié tras a proxección dun video que incidía na recuperación do interese polo mar por parte da cidade que nos acolle. O programa do día incluíu acudir ás clases do lycée e contactar coa vida académica francesa.

Carnac
Carnac

O venres 27 fixemos unha excursión cara ao Norte, pasando por Dinan, Saint-Malo e Mont Saint-Michel, xa na Normandía. Dinan ten un casco histórico medieval ben conservado, que deixamos para chegar a mediodía á desembocadura do Rance, a unha cidade bombardeada en 1944 e en grande parte reconstruída -a cidade fortificada de Saint-Malo-, exposta aos ventos e chea de eventos náuticos, patria pequena de Chateaubriand e punto de partida do explorador de Canadá Jacques Cartier. A choiva impediunos case saír do autobús para comer, mais respetou a nosa chegada ao Mont St-Michel, coa enorme agulla sobre a que se colga a imaxe do arcanxo inundando a visión do horizonte; as pingas de auga salgada baten contra as fortificacións da abadía, na que atopamos o refuxio austero da basílica, o claustro, o refectorio, as criptas e o resto de arquitecturas da Merveille. Finalmente regresamos de noite a Vannes, con máis experiencias na mente.

O fin de semana en familia deixou liberdade para as experiencias individuais. Mais somos conscientes de que parte do alumnado ten visitado o mercado matinal na place des Lices e se tivo familiarizado coas costas recurtadas do golfo de Morbihan.

Na mañá fría do luns 30 de marzo, o autobús levounos cara ao Oeste. Os grandes menhires de Kermario, en Carnac, refulxían nas fiadas de varios km de pedras fitas de grandes dimensións alineadas de leste a oeste que descobren o percorrido astronómico do astro sol en diversas épocas do ano. Despois mercamos biscuits, liqueurs e souvenirs para as nosas familias españolas na Trinitaine, antes de chegar a pasear á cidade vella de Quimper. Kemper -en bretón “confluencia”-, ao borde do Odet e do Steïr, é a antiga Aquilonia, ben resgardada entre unhas murallas case totalmente destruídas, da que poucas casas anteriores ao século XVIII permanecen -houbo un grande incendio daquela, e despois moitas esculturas da catedral de Saint-Corentin tamén foron queimadas en tempos da revolución francesa-, é unha cidade agradable de pasear, na que tivemos ocasión de atoparnos coa “Visión despois do sermón” de Gauguin e outras alegorías bretonas -como a de Jean Brunet, que data de 1908- que nos lembran a importancia dos megalitos, a relixión e as cofias do pays bigouden na recreación destas terras. Grande tarde de sol, horas de crêpes e cidre, tarde de visita á catedral de Saint-Corentin, tan marcada pola desviación do eixo, evidente entre o coro e a nave.

Dinan
Dinan

O martes 31 de marzo estivemos en clase. Á tarde houbo unha homenaxe a Esther Iglesias, a falecida profesora do IES Puga Ramón -co que cooperamos, viaxamos e participamos no échange- que habitualmente viña cos seus alumnos a St François. E Adrián estivo alí para poñer “Negra sombra” no seu saxofón.

A partir de mércores quedáronnos días de lecer en París. Camiñamos polos Campos Elíseos, navegamos sobre as augas do Sena entre lusco e fusco, coñecemos a cidade na súa esencia (Nôtre Dame, Invalides, Campo de Marte, Arco de Triunfo,…), subimos á Tour Eiffel, ascendemos a Montmartre e divertímonos en Eurodisney. Grazas pola vosa participación. Foi un entusiasmo contar cun grupo de alumnas e alumnos estupendo.

Podedes ler e ver máis na crónica bretona do profesor Xosé Antón.

Tamén pode descargar un archivo [ 3,7 Mb] con máis fotos do intercambio.

Proxecto Comenius

Nesta primeira semana de febreiro realizarase a visita preparatoria a Chieti (Italia) para o establecemento do proyecto Comenius: “Da Tradición ¨Modernidade”. Ademais de Italia e España participan Portugal, Bulgaria e Alemania.

O profesor de Francés do noso centro Carlos Vidal realizará a visita previa para o establecemento dos contactos e a realización das actividades. Estas realizaranse nos vindeiros anos polo profesorado e o alumnado dos diferentes Centros europeos para o intercambio de experiencias e a realización dun traballo conxunto, no que se estuden as diferentes manifestación artísticas, culturais, literarias e de costumes ó longo destes últimos anos en Europa. Esta temática será abordadas desde as diferentes materias educativa.