Arquivos da etiqueta: CFR

Control automatico dun cultivo hidropónico

Cultivo Hidropónico
Cultivo Hidropónico

Durante a pasada semana das Ciencias presentouse o traballo experimental realizado por cinco profesores do IES Neira Vilas dos departamentos de Tecnoloxía, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía. Ditos profesores forman parte dun Seminario Permanente financiado polo CEFORE. A continuación móstrase un breve resumo da experiencia realizada así como as fotografías que o ilustran.

O proxecto presentado baséase nun estudo sobre o desenvolvemento e crecemento de diferentes especies vexetais utilizando técnicas de cultivo hidropónico.

O cultivo hidropónico é aquel no que o chan é substituído por unha solución nutritiva onde se atopan mergulladas as raíces. A vantaxe deste cultivo é que se dispón dun ambiente controlado onde se poden modificar todos os factores relacionados co desenvolvemento das plantas.

Os obxectivos propostos foron os seguintes:

  • Experimentar con cultivos hidropónicos.
  • Visionar en tempo real o experimento con axuda dunha cámara web.
  • Controlar o acendido e apagado da luz desde casa vía Web.
  • Controlar os tempos de rega co ordenador.

Os parámetros analizados durante este proxecto foron os seguintes: luz, humidade (frecuencia de rega) e temperatura da auga.

Deseñouse un programa co obxectivo de controlar o cultivo hidropónico a través dunha tarxeta interface Velleman K8055. O programa recibe da tarxeta de interface datos de temperatura, humidade e iluminancia mediante dúas entradas analóxicas conectadas a un NTC e a un LDR. O programa procesa os datos recibidos e controla, mediante tres saídas dixitais conectadas a relés, a rega, o quentamento da auga, e a iluminación.