Arquivos da etiqueta: Juan Neira

Remate de Curso

E chegou o remate do curso 2008-09. Chegou o martes 23, horas antes das sardiñadas e bailes na praia; horas antes de queimar os malos farios e renovar a vida no solsticio; horas antes de avaliar e poñer por escrito merecementos e carencias.

Son as 10 e 10 da mañá no salón de actos e xa está todo listo para Marián presente este acto de entrega de galardóns e premios no que sempre nos acompaña a música. E desfilan os gañadores da Olimpíada do Saber 2009; aplaudimos aos galardoados o 14 de maio en Pontevedra, no encontro de Axenda 21escolar de Galicia e recibimos o alento de Xan Neira para continuar con este proxecto de sostibilidade; recollen os seus diplomas os participantes no I Intercambio escolar con Bretaña e os gañadores do concurso de curtas Oleiros Solidario.

Finalmente entra en escena Jaime Miranda, adónanse do escenario os rapeiros de Pro-Visional e poñen termo a este acto final do curso acadêmico. Grazas a tod@s. Feliz verán.

Control automatico dun cultivo hidropónico

Cultivo Hidropónico
Cultivo Hidropónico

Durante a pasada semana das Ciencias presentouse o traballo experimental realizado por cinco profesores do IES Neira Vilas dos departamentos de Tecnoloxía, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía. Ditos profesores forman parte dun Seminario Permanente financiado polo CEFORE. A continuación móstrase un breve resumo da experiencia realizada así como as fotografías que o ilustran.

O proxecto presentado baséase nun estudo sobre o desenvolvemento e crecemento de diferentes especies vexetais utilizando técnicas de cultivo hidropónico.

O cultivo hidropónico é aquel no que o chan é substituído por unha solución nutritiva onde se atopan mergulladas as raíces. A vantaxe deste cultivo é que se dispón dun ambiente controlado onde se poden modificar todos os factores relacionados co desenvolvemento das plantas.

Os obxectivos propostos foron os seguintes:

  • Experimentar con cultivos hidropónicos.
  • Visionar en tempo real o experimento con axuda dunha cámara web.
  • Controlar o acendido e apagado da luz desde casa vía Web.
  • Controlar os tempos de rega co ordenador.

Os parámetros analizados durante este proxecto foron os seguintes: luz, humidade (frecuencia de rega) e temperatura da auga.

Deseñouse un programa co obxectivo de controlar o cultivo hidropónico a través dunha tarxeta interface Velleman K8055. O programa recibe da tarxeta de interface datos de temperatura, humidade e iluminancia mediante dúas entradas analóxicas conectadas a un NTC e a un LDR. O programa procesa os datos recibidos e controla, mediante tres saídas dixitais conectadas a relés, a rega, o quentamento da auga, e a iluminación.

Participación no I Congreso de Educación Ambiental para Escolares.

Presentando a comunicación
Presentando a comunicación

O pasado día 10 de maio de 2007 celebrouse no Auditorio Municipal de Mera o I Congreso de Educación Ambiental para Escolares organizado polo Centro de Extensión e Información Ambiental (CEIDA)de St. Cruz.

O noso instituto presentou unha comunicación sobre o marisqueo e os problemas ambientais da Ría do Burgo. Este traballo foi desenvolvido por un grupo de 6 alumnas de 1º de Bacharelato e 1 alumna de 3ºESO., coa dirección dos profesores Mª del Carmen Porta do Departamento de Bioloxía e Juan Neira de Tecnoloxía. As alumnas participantes fóron: Laura Bazán Morzone, Johesy Bracho Curros, Paula Mirre Prieto, Soraya Rodríguez Lage, Rocío Saavedra Fernández, Montserrat Martínez-Piñeiro Súarez-Noguerol de 1º de Bacharelato e Jennifer Álvarez Silva de 3º ESO.

O traballo consistiu nun estudo da Ría do Burgo fundamentado na actividade marisqueira actual, presentando tamén información sobre o medio físico e biolóxico da ría.

Recollendo información
Recollendo información

Realizamos unha importante labor de recollida de información sobre diversos aspectos da ría: historia, medio físico, evolución do marisqueo, problemas de furtivismo, localización dos bancos marisqueiros, técnicas de marisqueo e problemas de contaminación. Xunto a este traballo realizamos visitas á ría guiados polo asesor técnico da Confraría de Pescadores, Pablo Sánchez Seoane.

A primeira saída foi no mes de febreiro no que vimos as labores de retirada de mexillón dos bancos e outras zonas da ría, e logo volvemos en abril para tomar mostras de auga, coñecer como se realizan as labores de semicultivo da ameixa e ver os traballos de rexeneración e acondicionamento dos bancos marisqueiros.

Todo este traballo recollémolo nunha presentación informática que expuxemos na entrada do Auditorio de Mera e ao mesmo tempo realizamos outra presentación para o propio acto de exposición do traballo realizado nos vinte minutos de que dispuxemos.

Mariscando na ría
Mariscando na ría

Realmente aprendemos moitas cousas sobre a Ría do Burgo e o marisqueo. Para empezar non sabíamos a enorme cantidade de cartos que move esta actividade e as familias que dependen deste recurso. Tamén nos encontramos cunha ría medio enferma que precisa de moitos coidados pero aínda así e todo, capaz de producir marisco de calidade. A cara da moeda é a pouca información sobre o estado ambiental real, con datos actuais e contrastables. A información ambiental segue sen ser facilmente accesible para calquera cidadán. Hai moito traballo científico e técnico por facer aínda na Ría do Burgo cara a súa mellora ambiental e produtiva, e nós como estudantes, no futuro podemos facelo.